Rei Núñez, Luís, Matarán a Reboiras, Edicións Xerais, 472 páxinas, Vigo, 2022, 23,95€.
(O 12 de agosto cumpríronse 47 anos desde que a policía franquista asasinara o sindicalista e político nacionalista galego, Xosé Ramón Reboiras Noia, más coñecido coma Moncho Reboiras: A reseña deste libro de Luis Rei Núñez quere ser a minha modesta homenaxe a un dos últimos loitadores que verteron
o seu sangue pola liberdade deste país)
∞∞∞
Luís Reis Núñez, escritor, xornalista e político galego ocasional, é un dos narradores máis consistentes da literatura galega. Desde a súa estrea en 1982, da súa pluma temos gorentado pezas como Expediente Artieda, O señor Lugrís e a negra sombra, Monte Louro ou O encargo do señor Castelao,a novela que antecede a Matarán a Reboiras, publicada este ano. Matarán a Reboiras é unha peza de formato longo e tan documentada como demorada. Unha sorte de “episodios nacionais” galegos do derradeiro cuarto do pasado século. Unha novela que non é invención pura tal como indica a cita inicial e o confirma o autor na páxina final (“Novela ficcionada desde a reminiscencia”). Cunha manchea de actantes e pasaxes con nomes modificados por veces para evitar indeliberados agravios a vivos ou mortos.
E dous protagonistas principais: a voz narradora, Sor Marabillas Párraga, unha monxa galeguista de esquerdas. E Nardo Negro, reporteiro gráfico, unha vida a tombos ata que ten dúas cavilacións simultáneas: “Matarei a Reboiras” e “Matarán a Reboiras”. Entre os dous deciden filmar unha reportaxe para recuperar a bárbara presión franquista en Galicia e sobre todo pescudar nos sucesos que tinguiron Ferrol de sangue e loito o 10 de marzo de 1972: Xulio Aneiros, Manuel Amor Deus, Graciliano Cendán Rivas, obreiros de Bazán. Loita polo propio convenio pola mellora dos salarios. Caen Amador Rey, asasinado por unha bala que lle fai diana na fronte e o mesmo lle acontece a Daniel Niebla. Tres anos máis tarde presentan o asasinato de Moncho Reboiras, en narración do seu irmán Manuel, abatido polas forzas represivas en agosto de 1975. Foi a continuación, mais non a conclusión destes “episodios nacionais” galegos. Un capítulo horrendo e por veces epopeico, a epopea do proletariado, mais non a derradeira, xa que a novela achéganos outras formas avanzadas de loita: folgas de Citroën en Vigo, a loita contra a instalación de GALGAS, herdada polos herdeiros dos vellos loitadores, pero coas armas da razón.
Moncho Reboiras
A novela está estruturada en catro partes. A súa tonalidade é á vez epopeica e poética. “Homes e bichos estaban bendicidos polo osíxeno da Revolución”. O relato fai progresar a acción de forma dosificada. É unha das súas bondades. Tamén cómpre amentar entre elas o feito de achegarnos os contextos sociais e políticos nos que sucederon os acontecementos do Ferrol. Mais, na miña estima, a peza de Luís Rei acumula demasiada información que non inflúe decisivamente na trama principal. O mesmo acontece co relato das relacións entre Sor Marabillas e Nardo que ensarilla, mais non tiran da atención do lector. Verosimilitude na recreación de escenarios, ambición e alento que lle dan forza a unha boa novela.
Francisco Martínez Bouzas
(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 5 de maio de 2022 )
No hay comentarios:
Publicar un comentario