Páginas

sábado, 13 de agosto de 2022

O OURENSE AGOCHADO DAS IRMÁS RAPOSO

Pato, Cristina, No día do seu enterro, Editorial Galaxia, Vigo,

 2022, 135 páxinas 14,90 €.

 

 

   

 

 No día do seu enterro é unha novidade de Galaxia nos últimos meses, e coa mesma debuta na narrativa Cristina Pato, a gaiteira de Ourense, “unha virtuosa explosión de enerxía” segundo o New York Times, por mor do seu labor polifacético, centrado sobre todo no rol das artes na sociedade, e polo seu traballo como artista en varias universidades norteamericanas. A novela é unha incursión no poder da palabra, unha esculca verbo da nobreza do invisible e as verdades non contadas.

   No  comezo da trama atopamos as irmás Raposo, vestidas de negro para deixar pagadas as súas débedas co seu pai defunto, Ervigio Raposo, un home que fora moitas cousas á vez. Pero no día do seu enterro confluíron todas as realidades do Ourense de Ervigio, entre elas as débedas dos seus clientes. Cristina Pato relata os andares de Ervigio, os seus negocios en Galicia e Venezuela, creando un mundo de seu. O dos clientes de ouro e de venda polo fiado que querían permanecer no anonimato. Tamén descobren actividades agochadas e ilícitas do pai. Reconstrúen asemade a historia da vida do pau. Entre elas as relacións cunha tal Dolores que traficaba coa droga, e á que lle mataron o seu marido. Pretenden entender o mundo do pai que é o mesmo que descubrir os corrunchos reais, moitos agochados, da cidade de Ourense.

   A novela ten como protagonistas principais e case exclusivas ás irmás Raposo orfas, que naceron en Venezuela e regresaron a Ourense ao morrer a súa nai nun forcexeo cuns encapuchados. No retrato de Ourense salienta a figura do pai que era un prestamista que acredita no compromiso da palabra. As irmás descobren a vida en Ourense e conseguen asemade revivir retallos da súa existencia en Venezuela.

   

                                            

                                         Cristina Pato

    O relato fa saltos no tempo que non empecen a lectura. E descobre moitos entrepanos e traizóns na vida da cidade que non é o que parece. No desenlace o lector decátase de que non todo é o que semella ser, e de ser nun relato sobre relacións familiares e de amizade, convértese nun pequeno thriller, ou nunha novela de intriga ateigada de sorpresas.

   Novela na que o lector se move con comodidade, sen atrancos formais, mais orfa, na miña estima de verdadeiros quilates literarios. Mais non esquezamos que o debut como narradora de Cristina Pato que ten que madurecer como novelista. Esta súa primeira achega presaxia  que pode facelo.

                                  

Francisco Martínez Bouzas

 (Reseña publicada no xornal Faro de Vigo o 22 de xuño de 2022)

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario