Páginas

domingo, 25 de septiembre de 2022

O UNIVERSO DOS ANCARES

Nunha brancura de cella. Ancares

Emilio Arauxo

Editorial Toxosoutos, 2022, 209 páxinas

 

 

    Unha salutación para este novo agasallo e unha benvida a este libro de Emilio Araúxo, ese home de cultura prolífica e ao mesmo tempo discreto. Porque Emilio Araúxo é unha desas presenzas silandeiras, unha voz que traballou desde sempre, exhibindo unha fidelidade insubornable  ás crenzas éticas e estéticas que hoxe, por veces, semellan invisibles. E. Araúxo leva creando  unha ampla obra artística en moitos eidos da cultura galega: poeta, narrador, editor, etnógrafo, tradutor, mitógrafo e un eximio fotógrafo que ten inmortalizado  fitos moi importantes da cultura de noso: o entroido galego e ese macrocosmos de tempos pretéritos da nosa labranza.

   Hoxe volve  agasallarnos coa súa particular incursión e visión dos Ancares, nun libro metade texto escrito, metade reproducións fotográficas. Centrado, sobre todo nese vestixio dun pasado ancestral que son as pallozas.

    

  

                                             

                                        Emilio Araúxo                                                                     
                     

 

Mais non soamente nas súas cellas,  senón na enteira vivenda, nas súas alcobas, faiados, fornos e lareiras, sen esquecerse dos teitos que cómpre renovalos cada vinte anos con palla ripia. Tamén no entroido dos Ancares, nas árbores como o capudre, unha madeira tan boa coma o freixo. Os veos “no cima da palloza”, a corte sempre no fondo. Achéganos tamén o autor os costumes e labores coma o varexón  que facían os homes e o pisado das castañas, traballo das mulleres. O chuzo para defenderse do xabarín  e do oso. E tantos obxectos, tantos costumes comunais hoxe perdidos.

   Non esquece o autor o  comezo da Guerra, cun destacamento da Garda Civil que comían os cordeiros e despois dicían que foran os roxos. Animais como a pita do monte, o espelizo da palla e tantos traballos nos relatos da xente dos Ancares. Un libro que rescata a situación do Ancares a finais dos anos 80 e comezos dos 90. Tanto nos textos como nas fotografías vemos reflectidas as realidades materiais e inmateriais do universo dos Ancares, contadas polos discursos orixinais dos seus poboadores.

 

Francisco Martínez Bouzas

(Texto publicado o día 30 de xuño de 2022 no xornal Faro de Vigo)

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario