Páginas

jueves, 20 de enero de 2011

ANTONIO UNGAR

Antonio Ungar
   A  última acrobacia no subxénero debémoslla ao escritor colombiano Antonio Ungar, recente gañador do Premio Herralde de Novela con Tres ataúdes blancos. Un thriller político que, desde o humor negro e a carnavalización levada ata o esperpento, dinamita unha ditadura nun país imaxinario de nome Miranda, nome tirado do filme de Buñuel, El discreto encanto de la burguesía, mais con pegadas tan numerosas e significativas que permiten afirmar que se trata de Colombia. Unha ditadura que é en si mesma un espectáculo abraiante, adobiado con toda a brutalidade do terror sanguinario. Un totalitarismo no que manda  un presidente elixido  de xeito formalmente democrático, pero que se perpetúa no poder e crea un réxime opresivo que sobrevive mediante a asociación de narcotraficantes e Escuadróns da Morte. Facéndolle fronte, un ser insignificante que ten que suplantar o líder da oposición “abaleado” polos sicarios, pero que rematará dinamitando a ditadura simplemente coa reprodución caricaturesca dos lemas e discursos dese tenebroso rexedor vitalicio, con aparencias de exótico ser anxelical. Sátira, humor negro para abordar a realidade ( en Colombia, confesa o escritor, tras unha matanza, esa mesma tarde hai un chiste ), mais que estouran nun desenlace de horror e espanto. Porén, nunca haberá culpables, xamais se saberá  quen  o fixo, porqué se mata ou porqué se morre. Tal como acontece a cotío no país andino.  Se Roa Bastos foi capaz de facernos presente a figura dun ditador que se apodera da mesma linguaxe, A. Ungar, tamén desde a linguaxe convertida en caricatura, fai estourar o poder omnímodo dun político exótico. Sobrevive, porén, o terror que outros exercen de forma vicaria no seu nome.

* Este texto fue publicado en el periódico Faro de Vigo el día 20 de enero de 2011, como Despiece de un artículo más amplio sobre "Novela de dictadores". Para ver el PDF original pinchar aquí, página 5.

No hay comentarios:

Publicar un comentario